O Europeo de Ciclocrós espera "máis de 900 corredores" e terá sinal televisivo internacional

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Pontevedra foi escenario este luns dunha reunión do comité organizador do evento deportivo na que estivo presente o presidente da Unión Europea de Ciclismo, Enrico della Casa

Reunión do Comité Organizador da Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra foi escenario este luns 18 de marzo dunha reunión do comité organizador do Campionato de Europa de Ciclocrós, na que estivo presente o presidente da Unión Europea de Ciclismo, Enrico della Casa.

Xunto a el fixeron efectiva a constitución do comité, avanzada a pasada semana, o secretario da Real Federación Españoña de Ciclismo, Alejandro Martín; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; e representantes das administracións encabezadas polo alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores.

Foi precisamente o rexedor o encargado de desvelar algúns detalles do que ofrecerá o Europeo a principios do mes de novembro no circuíto deseñado na Illa das Esculturas.

Aínda que as xornadas grandes serán os días 2 e 3 de novembro "van ser catro días de competición onde van asistir 24 seleccións internacionais. Haberá tamén grupos de idade co cal participarán máis de 900 corredores", confirmou Lores.

Ademais o evento "vai a ser retransmitido por televisión a moitos países", polo que o alcalde defendeu que "vai a ser un campionato importante. Temos posta moita ilusión na transcendencia que vai ter a todos os niveis", asegurou tras o encontro.