Día duro para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz na segunda xornada da Copa de España Elite e Sub-23, coa disputa do Trofeo Guerrita na localidade murciana de Alcantarilla.
A climatoloxía foi protagonista da cita, con frío e choiva, ao que se sumou para o equipo pontevedrés a mala fortuna das avarías en momentos decisivos.
Gonzalo Inguanzo e Neo Martínez foron protagonistas de inicio ao meterse na escapada da xornada, composta por 8 ciclistas, aínda que a súa aventura concluíu no Alto da Perdiz, onde empuxe do pelotón ademais neutralizar a fuga establecía unha selección de apenas 25 corredores.
Nese grupo selecto coouse Diego Lázaro, ata que unha avaría mecánica na cadea fíxolle cambiar de bicicleta e perder corda coa cabeza de carreira.
Ao final a proba decidiuse ao sprint nese grupo, vencendo do mesmo xeito que na primeira cita puntuable da Copa o ruso Glen Syritsa (Lokosphinx).
O mellor corredor do Froiz foi finalmente Alejandro Gomiz, no posto 21 ao ser terceiro no pelotón que chegou a máis de 4 minutos do gañador e colócase undécimo na xeral. Outro dos líderes do equipo, Carmelo Urbano, foi 28º.
A Copa de España vivirá a súa terceira xornada o 13 de marzo coa Aiztondo Klasika.