O Froiz aposta forte pola Copa de España e confirma a fichaxe de Jesús Arozamena

Pontevedra
31 de outubro 2018

O conxunto alimenticio confirmou a incorporación do actual subcampión da Copa de España, vencedor na categoría sub-23, e tamén a do murciano Víctor Romero, vencedor a pasada campaña na Volta a Alacante

Jesús Arozamena, novo ciclista do Froiz
Jesús Arozamena, novo ciclista do Froiz

É un dos grandes anhelos do Grupo Deportivo Supermercador Froiz, a competición que máis se lle resistiu nos últimos anos, e por iso a escuadra dirixida por Evaristo Portela decidiu apostar forte para tentar conquistala.

O conxunto pontevedrés confirmou este mércores a fichaxe do actual subcampión da Copa de España de ciclismo na estrada, Jesús Arozamena, vencedor na categoría sub-23.

"Temos moitas ganas de gañala, porque é a espiña do Froiz", recoñece Portela tras facerse cos servizos dun dos corredores máis cobizados do pelotón nacional e que mesmo "rechazou dúas ofertas para pasar a profesionais", sinala o director.

O ata agora ciclista do Aldro Team cántabro, a piques de cumprir os 22 anos de idade, será un dos xefes de filas do equipo a próxima tempada tras rozar o título a pasada campaña, sendo só superando na xeral da Copa por Antonio Jesús Soto (Lizarte). 

Pero o valisoletano non foi a única incorporación feita pública polo conxunto pontevedrés, que tamén fichou ao murciano Víctor Romero, procedente do ULB Natural Greatness e que chega co aval de ter vencido na última Volta a Alacante.

Ambos se unen ao británico Jake Wright na nómina de corredores confirmados para o proxecto 2019 do Froiz, un proxecto que está "xa pechado", recoñece Evaristo Portela, pero que se irá desvelando aos poucos. O que si é seguro, e supón un reflexo da forte aposta realizada por un dos equipos máis lonxevos do pelotón nacional, é que se ampliará en dous a nómina de corredores ata chegar á vintena coa intención de ser competitivo en todos os terreos e competicións.