O Froiz asina un triplete na casa e leva o Trofeo Cidade de Pontevedra

Pontevedra
16 de setembro 2018

Martín Lestido proclamouse vencedor da competición ciclista, Memorial Rogelio Acuña, celebrada durante a mañá do domingo con saída e chegada en Pontevedra e que contou con preto dun cento de corredores inscritos

Trofeo Cidade de Pontevedra de Ciclismo 2018
Trofeo Cidade de Pontevedra de Ciclismo 2018 / Diego Torrado

Organizaban a carreira, eran o equipo cunha participación máis numerosa, e non defraudaron.

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz foi o gran dominador este domingo no Trofeo Cidade de Pontevedra de ciclismo, Memorial Rogelio Acuña, que se celebrou na Boa Vila con saída e chegada na Praza de España.

A formación alimenticia contaba co equipo que competirá desde o vindeiro xoves na Volta a Galicia, obxectivo principal da tempada, e ese punto de forma extra resultou decisivo.

Despois dos 100 quilómetros de percorrido, dando a volta ao Morrazo, o vencedor foi Martín Lestido, que entrou da man xunto ao seu compañeiro de equipo Óscar Brea. Pola súa banda Guillermo García, tamén do Froiz, foi terceiro.

A carreira, na que competían ciclistas elite, sub-23 e máster, empezou a decidirse no quilómetro 47, cando se produciu unha escapada de 14 corredores que se distanciou tres minutos do pelotón. Os ataques na cabeza foron moitos na parte final, pero resultou decisivo o lanzado por Lestido e Brea a 5 quilómetros de meta.