O Froiz, co Campionato de España entre cella e cella

Pontevedra
22 de xuño 2017

Martín Bouzas tentará reter o seu título de campión de España sub-23 contrarreloxo na competición que se celebra esta fin de semana en Soria

Martín Bouzas, na concentración de pretempada do Froiz 2017
Martín Bouzas, na concentración de pretempada do Froiz 2017 / Mónica Patxot

Soria será escenario durante toda a fin de semana, desde o venres 23 ata o domingo 25 de xuño, do Campionato de España de Ciclismo en Ruta, onde estará ben respresentado o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

A escuadra alimenticia acode á cita coa ilusión de facer un bo papel. Especial mención merece Martín Bouzas, que buscará revalidar o seu título de campión nacional contrarreloxo sub-23 nunha modalidade que se disputará desde as 10:00 horas deste venres.

Bouzas cre que o circuíto deseñado de 18,9 quilómetros "adáptase ben ás miñas condicións", polo que se mostra confiado nas súas posibilidades.

Ademais o ciclista do Froiz representará a Galicia o sábado na proba de fondo sub-23, na que tamén estarán presentes Alejandro Regueiro e Antonio Portela, afrontando un percorrido de 145,8 quilómetros con tres voltas a un mesmo circuíto.

A participación do Froiz pecharana o domingo Pedro Merino, Jesús Merino, Ismael Barba e Miguel Gómez, todos eles de categoría elite e que compartirán carreira en ruta cos profesionais nun percorrido de 207 quilómetros na que a principal dificultade montañosa será a ascensión ao Porto de Oncala.