O Froiz, convidado a participar no Tour das Árdenas xunto ao pelotón profesional

Pontevedra
09 de abril 2019

O equipo pontevedrés foi elixido como mellor equipo español amateur pola organización da carreira para participar nela os días 12, 13 e 14. Trátase dunha rolda que se disputa entre Francia e Bélxica e que destaca pola súa dureza e tramos de lastra

Concentración de pretempada do Froiz 2019
Concentración de pretempada do Froiz 2019 / PontevedraViva

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz verá as caras con algunhas das escuadras con máis soleira do pelotón profesional como o belga Lotto Soudal ou os franceses Direct Energie e AG2 R la Mondiale.

Eses son só algúns dos equipos profesionais que participarán entre o 12 e o 14 de abril no prestixioso Tour das Árdenas que se celebra entre Francia e Bélxica.

A organización da rolda convidou a participar ao Froiz como mellor equipo amateur español, todo un reto no que deberá superar a dureza que caracteriza ao percorrido e dificultades como tramos de lastra ou esterrato.

Serán 4 etapas en 3 xornadas. A primeira etapa de 189 quilómetros e catro cotas de montaña, a segunda de 160 quilómetros e 8 cotas de montaña e na última xornada haberá dous sectores, o primeiro pola mañá de 60 quilómetros e 5 cotas de montaña e o segundo con 106 quilómetros con 6 cotas de montaña finalizando en Montcy-Notre Dame.

Guillermo García, Martín Lestido, Aaron Mariño, Diego Noriega, Iván Martínez e Jake Wright defenderán as cores do  Froiz nesta competición.