O Froiz empeza a asomar a cabeza na Copa de España

Pontevedra
12 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tras un inicio de tempada complicado, o equipo pontevedrés meteu un dos seus corredores nos postos altos da Aiztondo Klasika, terceira cita do calendario no certame nacional

Ciclistas do Froiz nunha competición en Portugal
Ciclistas do Froiz nunha competición en Portugal / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

O inicio de tempada non foi o máis sinxelo para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, sobre todo nunha competición de gran nivel como a Copa de España Elite e Sub-23.

Así foi nas dúas primeiras citas do calendario, o Circuito del Guadiana e o Trofeo Guerrita, onde o mellor resultado foi o 33 posto conseguido por Jon Gil na segunda cita, pero á terceira ocasión o equipo pontevedrés empezou a asomar a cabeza polos postos de honra.

Fíxoo na Aiztondo Klasika celebrada a fin de semana no País Vasco, na que un corredor do equipo alimenticio asinou un prometedor top-10. 

Foi o ciclista portugués Lucas Lopes, un dos protagonistas da fuga boa da xornada e que entrou no oitavo lugar na liña de meta a 41 segundos do vencedor, Mateu Estelrich (Essax-Grupo Arrfran). Lopes non puido aguantar o ritmo de cabeza na última ascensión, pero mostrou un paso á fronte no rendemento do Froiz.

Ademais de en o País Vasco o Froiz tivo presencia a úñtima semana en Portugal nunha carreira na que compartiu pelotón con equipos profesionais.

Unha progresión que o equipo pontevedrés ten o obxectivo de referendar coa chegada a próxima fin de semana da primeira rolda por etapas da tempada, a Vuelta a Extremadura, na que estará presente do mesmo xeito que en dúas clásicas previstas en Zamora.

En canto á Copa de España, a cuarta cita do campionato non se celebrará ata o próximo 7 de abril co Gran Premio Primavera de Ontur, en Albacete.