Á tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz fáltalle un triunfo de renome, e este estivo preto de chegar na Copa de España celebrada en Valladolid.
O conxunto pontevedrés tivo opcións de vencer ata o sprint final, ao que chegou ben colocado o colombiano Juan Pablo Ortega.
O corredor do Froiz estaba entre os cinco primeiros postos a 500 metros de meta, pero unha mala trazada nunha rotonda a pouco do final fíxolle perder posicións e tamén as súas opcións cando o tiña moi preto.
Ao final o vencedor foi Haimar Etxeberria (Finisher-Kern Pharma), con Ortega no posto 12º como mellor ciclista do Froiz.
A cita da Copa de España en Valladolid estivo marcada por unha caída masiva que obrigou a neutralizar momentaneamente a proba ante a falta de ambulancias polo traslado de ciclistas implicados.
No que respecta ao conxunto alimenticio, desde as súas filas destacan o traballo previo realizado por Jon Gil, Pablo García, Ángel Maneiro, Jorge García e Lucas Lopez, finalmente non recompensado pola caída a 20 de meta que fixo que Jon Gil quedase cortado.
Tras esta carreira o Froiz mira xa cara á Clásica de Torredonjimeno, próxima parada da Copa de España Elite-Sub23, así como á Copa de Portugal na que tamén estará presente.