Supermercados Froiz e Team Farto reinan no autonómico de contrarreloxo

Pontevedra
18 de maio 2024

Gran traballo do Supermercados Froiz e do Team Farto BTC no Campionato de Galicia de contrarreloxo disputado este venres na Pobra do Brollón (Lugo). A escuadra alimenticia fíxose con catro metais que chegaron da man de Chus Barros (oro elite), Ana Portela (prata elite), Miguel Rodríguez (bronce sub-23) e Aroa Otero (prata júnior), mentres que o equipo marinense logrou outros catro tras a gran actuación de Carmen Mallo (ouro sub-23), Laura Mira (prata sub-23), Andrea Prada (bronce sub-23) e Lucía Piñón (ouro júnior)

Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual (CRI)
Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual (CRI) / Asier Torrado

Cumprindo coa tradición no Día das Letras Galegas, o ciclismo galego botou andar coa celebración do Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual (CRI), unha cita que esta vez tivo como escenario o concello lucense da Pobra do Brollón e á que se apuntaron 205 participantes.

A protagonista, sen dúbida algunha, foi a choiva, que acompañou durante todo o trazado de 23,5 quilómetros na ida e volta entre A Pobra do Brollón e Bóveda, pasando por Cereixa.

O terreo chairo permitiu rodar moi rápido con velocidades moi altas e a emoción polo primeiro posto e por subir ao podio mantívose ata a liña de meta en varias categorías salvo na elite feminina, dominada por María Jesús Barros (Supermercados Froiz) que, aos seus 50 anos impúxose entre as mulleres cunha diferencia de oito segundos sobre a súa inmediata perseguidora, Carmen Mallo (sub-23, Team Farto-BTC).

A terceira praza absoluta ocupouna a gañadora júnior Lucía Piñón (Team Farto-BTC), a tres segundos de Mallo, e adxudicándose o título xuvenil de forma moi axustada (cinco segundos). Este triunfo chegou con remonta incluída porque no quilómetro 11,8 a mellor referencia absoluta de todas as participantes estableceuna a júnior Aroa Otero (Supermercados Froiz), sendo un segundo máis rápida que Piñón. As cinco primeiras posicións entre as mulleres pechounas a elite Ana Portela (Supermercados Froiz).

Entre as dez mellores tamén se meteron Nerea Suárez (Becani) -terceira júnior-, a portuguesa Rosa Marques -vencedora máster-50-, a subcampioa sub-23 Laura Mira (Team Farto-BTC), a cuarta júnior Xiana Camiña (Becani) e Iria Nieto (Team Oiense Women), terceira elite. En canto ás máster-40, Natalia Raña (Norinver) proclamouse campioa do seu grupo de idade.

No caso da carreira masculina, estivo moito máis igualada, posto que unicamente 2,6 segundos separaron aos dous primeiros clasificados absolutos. O elite Juan Vidal (Lasal Cocinas-Craega) estableceu o mellor tempo no punto intermedio (quilómetro 11,8), con cinco segundos de vantaxe respecto a Alejandro Paz (Padronés-Cortizo), pero o ribeirense rodou máis forte na segunda parte do percorrido e cunha marca de 30 minutos e 19 segundos rubricou o mellor rexistro da xornada, a unha media de 46,4 quilómetros por hora.

A menos de tres segundos do rexistro do sub-23 Paz finalizou o elite Vidal, mentres que a terceira praza absoluta obtívoa o sub-23 Martín Rey (Padronés-Cortizo), a 20 segundos do seu compañeiro de equipo. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), cuarto na táboa global, levouse o bronce sub-23 con 10 segundos de marxe sobre Manuel Rodríguez (Padronés-Cortizo). A sexta praza absoluta correspondeu a Álvaro Sobral (Team Oiense- Escuela Estévez), segundo nos elites.

No caso dos júnior, foi Tomás Pombo (Padronés- Cortizo) -sétimo na clasificación absoluta- o que revalidou o título ao bater por 4 segundos a Diego López e a Lois Dejesus (ambos do Picusa Academy) prata e bronce, respectivamente, tras obter a novena e a décima posición na xeral separados por menos de 4 décimas. Oitavo fixo o cuarto sub-23, Hugo Calvo (Padronés-Cortizo), e ás portas do top-10 quedou Cristian Lapido (Team Oiense-Escuela Estévez), que si logrou o premio do terceiro posto elite.

Por último, os títulos cadete, infantil e paralímpico disputáronse disputáronse sobre unha distancia de 11,7 km, un circuíto entre A Pobra do Brollón e Fornelas. Alejandra Neira (Cambre) repetiu por segundo ano como campioa cadete e Anxo Delgado (Compostelano-Muebles Compostela) fíxose co maillot cadete masculino.

A categoría infantil formou por primeira vez parte deste campionato e apuntáronse as vitorias Antía Torres (Teis) e Ariel Soto (Cambre), mentres que as medallas de ouro no Ciclismo Paralímpico recibíronas Óscar López (Neuroimpulse-Galicia) en MC3, Ángel López (Enki) en MH2, Álvaro Illobre (Pulpeiros Mugardos) en MH4 e Daniel Prada (Enki), vencedor MH3 por diante do seu compañeiro de equipo Alejandro González.