O Froiz roza o triunfo na segunda etapa da Volta Galicia e métese de cheo na pelexa pola xeral

Pontevedra
17 de setembro 2021

O corredor alimenticio Daniel Jiménez foi segundo en Ponteareas nun reducido sprint de 7 unidades e o seu compañeiro Ramón Fernández colócase tamén segundo pero na xeral, a 8 segundos do líder

Daniel Jiménez (esquerda) no podio da segunda etapa da Volta Galicia
Daniel Jiménez (esquerda) no podio da segunda etapa da Volta Galicia / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Paso adiante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Volta Galicia de ciclismo na estrada.

Tras a estrea da rolda cunha contrarreloxo en Ponteareas na que se impuxo Marc Brustenga (Caja Rural), a primeira etapa en liña disputada este venres na mesma localidade pontevedresa tivo no equipo alimenticio a un dos seus protagonistas.

Nunha xornada con 143 quilómetros de percorrido, Daniel Jiménez e Ramón Fernández lograron con esforzo meterse na fuga importante do día, de 10 unidades, despois de superar a segunda dificultade montañosa.

Entre eles ía estar o triunfo parcial, e tentouno Fernández atacando con outro corredor subindo o alto de Vilasobroso a case 8 quilómetros de meta, pero foi neutralizado a 2.000 metros da chegada decidíndose todo nun reducido sprint de 7 ciclistas.

O vencedor foi finalmente Francisco Javier Agea (Gomur), con Daniel Jiménez na segunda posición e Ramón Fernández na quinta.

Con este resultado e a falta de dúas etapas máis, o propio Ramón Fernández ascende ata a segunda praza da xeral, a só 8 segundos do líder Álex Martín (Eolo Kometa), e pasa tamén a liderar a clasificación da montaña.

A noticia negativa para o Froiz foi o abandono dunha das súas principais bazas, Pablo Alonso, polo falecemento do seu avó.