O Supermercados Froiz confórmase co segundo posto por equipos na Volta a Galicia

Pontevedra
21 de setembro 2021

O corredor da escuadra alimnenticia Ramón Fernández aguantou con opcións de vitoria na xeral ata a última etapa na que "quedou sen pernas" na escalada final

Corredores do Supermercados Froiz na Volta a Galicia
Corredores do Supermercados Froiz na Volta a Galicia / G. D. Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz tivo que conformarse co segundo posto da xeral por equipos da Volta a Galicia despois dunha última etapa na que non puideron pelexar polo triunfo na xeral tanto individual como colectiva.

Na etapa reina, na que o pelotón tiña que escalar tres portos de montaña, o cadro alimenticio logrou meter na escapada a Ramón Fernández. O grupo de cabeza logrou unha vantaxe próxima aos tres minutos, pero no último porto o pelotón recortou ata deixala nun só minuto. 

Na subida á Garita da Herbeira, Fernández, que era o favorito da escuadra pontevedresa e un dos mellor posicionados para gañar a carreira, quedou sen pernas e acabou por descolgarse do grupo de cabeza. Aínda así, o traballo do equipo foi suficiente para conservar o segundo posto na clasificación por equipos.

Desde a entidade fan un balance positivo da competición, na que lograron dous segundos postos en dúas etapas, mantiveron opcións de vitoria ata o último día e lograron liderar a clasificación por equipos ata a xornada final na que puideron salvar o segundo posto. Ademais, na clasificación de corredores galegos, Roberto Mediero acabou segundo.