O futuro do deporte galego inicia un novo curso en Pontevedra

Pontevedra
15 de setembro 2016

Un total de 162 deportistas de 12 modalidades son bolseiros este curso nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 90 deles compaxinarán a súa preparación deportiva cos estudos de ESO e Bacharelato

Apertura de curso no Centro Galego de Tecnificación Deportiva PontevedraViva

Pontevedra volve ser un ano máis o centro formativo do deporte galego grazas ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que este xoves iniciou un novo curso.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañado do novo director do centro, José López, deu a benvida aos alumnos bolseiros do centro facendo fincapé nos "valores deportivos" e o "afán de superación e traballo diarios" que deben presidir a súa formación.

Este curso serán 162 os deportistas bolseiros no CGTD en 12 especialidades, o que supón "o 100% das prazas" e "por primeira vez co 50% delas ocupadas por mulleres", sinalou Lete Lasa.

Deles, 90 alumnos compaxinarán a súa preparación deportiva coa formación académica en 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.

Ademais das instalacións situadas na cidade, no antigo Estadio da Xuventude, o CGTD conta con instalacións adscritas como a pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro, en Verducido, ou o Centro Galego de Vela en Vilagarcía.

Os deportes con bolseiros no centro de alto rendemento galego son: atletismo, bádminton, judo, loita olímpica, natación, péntatlon moderno, piragüismo, remo, slalom, taekwondo, tríatlon e vela.