O Galaico, na defensa do seu título autonómico

Pontevedra
25 de abril 2019

A piscina olímpica de Pontemuíños será escenario este sábado 27 de abril da fase final da Liga Galega de Clubs de División de Honra de natación, na que o Galaico tentará defender a súa coroa

Carla Goyanes, nunha competición co Galaico
Carla Goyanes, nunha competición co Galaico / CN Galaico

Pontevedra será un fervedoiro de actividade deportiva o vindeiro sábado 27 de abril. Ao ITU Multisport Festival de tríatlon ou ás competicións habituais como a Liga Asobal de balonmán súmase tamén a natación.

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños será escenario da fase final da Liga Galega de Clubs de División de Honra.

O Club Natación Galaico, como primeiro clasificado da fase preliminar, gañou o dereito para organizar a xornada, na que tentará reter a súa coroa de mellor club galego.

A competición celebrarase en dobre xornada, de mañá e tarde, desde as 10:30 e as 17:00 horas respectivamente.

No que respecta ao club pontevedrés, estará representado por 27 nadadores e nadadoras, sete deles reservas, que tentarán conseguir a primeira posición ante o  CN Liceo e Club do Mar, os outros dous aspirantes ao título. Pola súa banda Pabellón Ourense, CN Ferrol e CN Coruña pelexarán pola permanencia na máxima categoría.