O Gran Mestre ruso Evgeny Vorobiov, vencedor do IV Torneo Internacional de xadrez

Pontevedra
15 de agosto 2016

O Torneo Internacional Cidade de Pontevedra pechouse este domingo tras unha semana de competición no colexio Los Sauces

Evgeny Vorobiov no IV Torneo Internacional de xadrez
Evgeny Vorobiov no IV Torneo Internacional de xadrez

Despois dunha semana de competición, o IV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de xadrez chegou ao seu fin na súa nova localización, o colexio Los Sauces.

O Gran Mestre ruso Evgeny Vorobiov proclamouse vencedor do torneo tras empatar con Jaime Santos na novena e última rolda, para sumar un total de cinco vitorias e catro empates que deixaron o seu marcador en 7 puntos.

Un mellor coeficiente que os seus rivais deulle o triunfo final, xa que tamén sumaron 7 puntos o ucraíno Maksimenko, o armenio Grygoryan, o indio Konguvel e o arxentino Hoffman.

No IV Torneo Internacional de xadrez participaron 159 xogadores de 17 países e repartíronse un total de 10.000 euros en premios, 1.500 deles para o primeiro clasificado.

O mellor galego da competición foi o Mestre Internacional Diego Espiñeira, do Club Xadrez Padrón, no posto 15, mentres David García Sobrino (25º) foi o mellor xogador do club local, a Escola Xadrez Pontevedra.