O imbatido Ourense Envialia mide as aspiracións do Poio Pescamar

Poio
01 de novembro 2019

As vermellas chegan nunha serie de tres vitorias consecutivas e o adestrador poderá contar con todas as súas xogadoras, agás con Antía Pérez, que aínda descoñece o diagnóstico da súa grave lesión de xeonllo

Partido entre Poio Pescamar e Ucam El Pozo Murcia na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Ucam El Pozo Murcia na Seca / Diego Torrado

"Se queremos estar na pomada, é nestes partidos nos que hai que dar a cara". Son as palabras do presidente do Poio Pescamar, Juanjo García, cuxo equipo recibe este sábado (19 horas) na Seca a un dos tres líderes da competición, o Ourense Envialia, que conta os seus sete partidos por vitorias.

Para bater ás ourensás, o adestrador vermello, Raúl Jiménez, poderá contar con todas os seus xogadores excepto con Antía Pérez, que aínda está á espera do diagnóstico que confirme o alcance da súa grave lesión de xeonllo. A boa dinámica coa que chegan as conserveiras, acumulan tres vitorias consecutivas, e o feito de xogar como locais son factores que poden decantar a balanza en favor das de Poio.

"Será un partido duro", advirte o presidente, que lembra que o ano anterior perderon os dous duelos de liga e que este ano teñen un equipo aínda máis potente que na tempada anterior.

As tres vitorias sumadas polo Poio nas últimas xornadas, permitiron ás de Raúl Jiménez escalar ata a quinta posición con trece puntos na súa marcadora. A oito, con pleno de triunfos, atópase o Ourense Envialia, terceiro clasificado e empatado a 21 puntos con Atlético Navalcarnero e Burela.