O Leis celebra a súa asemblea de socios de maneira telemática

Pontevedra
11 de xullo 2020

O club pontevedrés, cuxo equipo sénior está a uns días de xogar a fase de ascenso á Segunda División masculina de fútbol sala, chegou esta tempada á cifra de 300 futbolistas federados entre os seus diferentes equipos

Primeiro adestramento do Leis para preparar o play- off de ascenso a Segunda Mónica Patxot

A poucos días do seu equipo sénior masculino xóguese na cancha o ascenso á Segunda División de fútbol sala, o Leis Pontevedra aparcou por unhas horas a súa atención da parte deportiva para celebrar a súa Asemblea Xeral de Socios.

Fíxoo, debido á situación actual provocada polo Covid-19, de maneira telemática cunha transmisión que foi gravada e estará agora ao dispor dos socios que a soliciten.

Segundo informou a entidade pontevedresa, na asemblea expúxose a memoria deportiva e económica das últimas tempadas así como os obxectivos actuais.

Ademais quíxose resaltar o traballo nas categorías inferiores nunha tempada na que alcanzaron a cifra de 300 futbolistas federados entre os seus diferentes equipos.

Por outra banda os xestores da entidade defenderon que conseguiron amortizar nun 50% a débeda histórica do club esperando que co ingreso das subvencións aínda pendentes "se consiga a tan ansiada estabilidade económica pola que se vén traballando nas últimas tempadas", sinalaron desde o Leis.

O encontro telemático serviu tamén para presentar aos socios o calendario de accións previsto para os próximos días coincidindo coa celebración da fase de ascenso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora