O Leis reencóntrase co triunfo e o ADFS Bueu consegue un valioso empate

Pontevedra
09 de novembro 2015

Os pontevedreses venceron con apuros ao Boal e se reenganchan á zona alta da clasificación. O Bueu rabuñou un punto na casa do segundo clasificado

Partido do Leis no Pavillón Municipal dos Deportes Diego Torrado

Importante vitoria do Leis Pontevedra para retomar a boa senda na Segunda División B de Fútbol sala.

Os pontevedreses impuxéronse, non sen apuros, ao FS Boal (3-1) no Pavillón Municipal dos Deportes nun partido que dominaron desde o inicio pero que lles custou pechar.

Miguel conseguía o 1-0 aos 11 minutos como recompensa á superioridade local, pero o Boal contou despois con opcións de igualar sen recompensa antes do descanso.

Xa na segunda metade, e cando parecía máis próximo o segundo do Leis, os visitantes conseguían a igualada (minuto 24).

Os pupilos de Manu Cossío seguiron insistindo a partir dese momento e o premio obtivérono xa nos minutos finais, con dous goles de Barcala que aúpan ao Leis ata o cuarto posto da táboa con 14 puntos.

Pola súa banda o ADFS Bueu conseguiu un valioso punto na cancha do segundo clasificado, o Bembrive vigués (4-4) nun partido que puido caer de calquera dos dous bandos.

Os de Javi Santos adiantáronse, pero finalmente tiveron que remontar en dúas ocasións (3-1 e 4-3) para conseguir un empate que lles deixa décimo terceiros con nove puntos.