Na novena xornada de liga chegou por fin a primeira vitoria do Leis na Segunda División B masculina de fútbol sala. E trátase ademais dun triunfo importante, porque o lograron a custa dun dos seus rivais directos. Os homes de Manu Cossío saíron vitoriosos da súa visita a cidade da Coruña, onde derrotaron por un claro 1-5 ao Ventorrillo FS.
Nada máis comezar o partido, o Leis despregou un gran xogo, levando o control do partido e situándose 0-2 no marcador nos primeiros tres minutos, grazas aos goles de Gus e Dani. Pouco despois, os locais reducirían distancias por medio de Mario, pero foi un espellismo e a melloría dos coruñeses non foi máis alá.
Tras este frenético comezo, o partido foise igualando co paso dos minutos e ambos os dous equipos contaron con varias oportunidades de anotar. Pero o único que o conseguiu foi, de novo, o conxunto pontevedrés. Pocho, cun tiro ao bordo da área, marcaba o 1-3 co que se chegaba ao descanso.
No segundo período, o Ventorrillo F.S. saíu disposto a darlle a volta ao partido, polo que o Leis tivo que repregarse para aguantar os envites rivais e intentar saír con velocidade á contra. Sufocado polo pasado do tempo, os coruñeses optaron por sacar porteiro-xogador no minuto 34, pero a seriedade defensiva visitante impediu que puidesen anotar. Sería Raúl, con dous goles nos minutos 36 e 39, quen colocaría o 1-5 definitivo no electrónico.
Con esta vitoria, o Leis suma cinco puntos e sitúase catro puntos por enriba do seu rival deste sábado, o Ventorrillo FS, que ocupa a última praza da categoría e que supón o descenso de categoría.
VENTORRILLO FS (1): Juanjo, Dio, Bento, Borja, Matos -cinco inicial- David, Perce, Aitor, Andrés, Manu, Kike e Deive.
LEIS PONTEVEDRA (5): Rubén, Gustavo, Dani, Raúl, Barcala -cinco inicial- Álex, Gabi, Sergio, Pablo, Pocho.
Goles: (0-1) Gus, minuto 1. (0-2) Dani, minuto 3. (1-2) Aitor, minuto 5. (1-3) Pocho, minuto 18. (1-4) Raúl, minuto 36. (1-5) Raúl, minuto 39.
Incidencias: Partido disputado no Municipal de Ventorrillo (A Coruña).