O Loita Pontevedra triunfa na casa no Nacional Junior con medallas para Lydia Pérez e Carmen Salgado

Pontevedra
03 de abril 2016

A pontevedresa Lydia Pérez proclamouse campioa de España junior nun campionato celebrado no Pavillón Municipal dos Deportes con preto de 400 deportistas inscritos

Campionato de España Junior e Escolar de Loitas Olímpicas
Campionato de España Junior e Escolar de Loitas Olímpicas / Diego Torrado

Lydia Pérez Touriño cumpriu os prognósticos e proclamouse en Pontevedra campioa de España junior de loita, na súa categoría de 59 quilos.

A deportista do Club Loita Pontevedra protagonizou un torneo inmaculado vencendo nos seus tres combates, ante a canaria María Ramírez, a madrileña María Marcos e a navarra Miren Huarte, colgándose o ouro.

Non foi a única medalla pontevedresa, xa que Carmen Salgado, aínda en idade cadete, conseguiu o bronce despois de caer ante a que sería campioa na súa categoría, os 51 quilos.

Foron os resultados locais máis destacados dunha competición que congregou a preto de 400 deportistas no Pavillón Municipal dos Deportes nunha grande xornada deportiva.

Ademais do Campionato de España Junior nos catro tapices instalados no pavillón pontevedrés celebrouse o Nacional Escolar de loitas olímpicas.