Comezan a desvelarse os nomes dos candidatos aos premios honoríficos Cidade de Pontevedra que se entregarán, como vén sendo habitual, coincidindo coa festividade de San Sebastián, patrón da cidade do Lérez.
O primeiro en darse a coñecer é o do club de taekwondo Mace-Sport, que opta ao premio na modalidade de persoas xurídicas.
Trátase dunha proposta que presentou no rexistro do Concello a Asociación Galega de Wallball e Paddeball (AGWP), xunto con toda a documentación requirida.
Esta asociación considera que a entidade que dirixe Miguel Ángel Cortegoso reúne sobradamente as condicións para poder optar a dito premio, seguindo as bases que regulan os premios Cidade de Pontevedra.
Destacan que o currículo do club amosa unha longa traxectoria de éxitos deportivos que comezan en 1991 e que se estende ata a actualidade, levando o nome de Pontevedra polas competicións galegas, españolas e europeas.