O Cidade de Pontevedra é cousa de seis

Pontevedra
05 de xaneiro 2016

Seis candidaturas, vencelladas ao deporte, a cultura e educación e a empresa, disputarán os premios Cidade de Pontevedra. Así o avanzou o goberno municipal despois de que, a mediodía deste martes, pechara o prazo de presentación de candidatos. En total, dous deles optan á categoría de persoas físicas e catro á de persoas xurídicas

Rexistro xeral do Concello de Pontevedra
Rexistro xeral do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

Seis candidaturas, vencelladas ao deporte, a cultura e educación e a empresa, disputarán os premios Cidade de Pontevedra. Así o avanzou o goberno municipal despois de que, a mediodía deste martes, pechara o prazo de presentación de candidatos. En total, dous deles optan á categoría de persoas físicas e catro á de persoas xurídicas.

Os candidatos na categoría de persoa física son Calros Solla Varela, profesor, etnógrafo e escritor, a proposta da asociación Vaipolorío; e Evaristo Portela Acuña, ex ciclista profesional e director deportivo do Super Froiz dende 1987, proposto pola Aula de Educación Vial de Pontevedra.

Pola súa banda, optan ao premio na categoría de persoa xurídica o club de taekwondo Mace-Sport, candidatura presentada pola Asociación Galega de Wallball e Paddeball (AGWP); ou a Festa HQR!, un evento do deporte base organizado polo Diario de Pontevedra, apoiado pola Federación de asociacións de veciños Teucro.

A estes súmanse as presentadas nos últimos días, a do IES Luis Seoane, un instituto que fai bandeira da inclusión, a igualdade, o respecto á diversidade e a solidariedade, proposto asociación de veciños O Mirador e a ANPA do centro; e a do Espacio Arroelo, unha iniciativa de coworking, proposta presentada polo Programa Colabora 15.

Ademais, ao rexistro municipal chegaron tamén os primeiros apoios a distintas candidaturas.

A Asociación Cultural Santísimo Cristo del Consuelo de Lérez, a Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila e o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra súmanse á proposta de Evaristo Portela; mentres que o Club de Piragüismo Verducido Pontillón, a AGWP, a Asociación Micolóxica Brincabois e a Asociación Educativa Monte Saíñas dan o seu apoio a Mace-Sport.

O HQR, pola súa banda, ten os apoios de Salvamento Acuático Pontevedra, o Club Voleibol Pontevedra, a Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra, Club de Loita Pontevedra e o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.

O xurado reunirase a próxima semana para decidir quen recibirá os premios que levan o nome da cidade este ano. Forman parte do xurado, ademais dos representantes dos distintos grupos municipais, un representante elixido entre as asociación veciñais, outro entre as entidades culturais e un terceiro entre os medios de comunicación. A decisión do xurado ten que ser ratificada pola corporación municipal.

Un pleno de honra, no Teatro Principal, é o escenario no que se entregan as distincións. Será o 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián, patrón de Pontevedra.