Valioso punto o sumado polo Marín Futsal este sábado na pista do CD Leganés.
O partido non empezou ben para as marinenses, que aos dous minutos de xogo vían como o seu rival tomaba a dianteira cun tanto de Isa García.
Pese ao golpe as xogadoras dirixidas por Raúl Jiménez non se desanimaron e gozaron de ocasións para empatar a continuación, aínda que tamén o Leganés estivo preto do segundo tanto estando Silvia moi atenta baixo paus, e colaborando a madeira.
Ao final o premio foi para o Marín antes do descanso, atopando a igualada tras un saque de banda rápido que colleu descolocada á defensa local e foi aprvechadio por Adri para marcar.
Con todo por decidir comezou unha trepidante segunda metade, con opcións para dous equipos que buscaban o gol, aínda que nesta ocasión foi Café a que conseguía anotar no minuto 26 poñendo o 1-2.
Tres minutos despois foi Ceci a que puido encarrilar o choque ao plantarse ante a porteira local, pero non conseguiu marcar e o Marín Futsal pagouno co 2-2, obra de Guti de penalti tras unha man dentro da área.
As madrileñas apostaran polo xogo de cinco e mantivérono no tramo final, aparecendo Silvia para salvar polo menos un valioso punto que permite consolidar ao seu equipo na zona media da táboa sumando 20 e manténdose lonxe dos postos perigosos.