O Marín leva o derbi contra o Ourense Envialia cun gol no último minuto (3-2)

Marín
11 de febreiro 2023

No último minuto fíxose co triunfo o Marín Futsal no derbi galego contra o Ourense Envialia. Cun gol de María León practicamente sobre a bucina, o cadro de Ramiro Díaz suma xa dúas vitorias consecutivas para afastar os medos dun posible descenso  

Partido entre Marín Futsal e Sala Zaragoza na Raña
Partido entre Marín Futsal e Sala Zaragoza na Raña /

No último minuto fíxose co triunfo o Marín Futsal no derbi galego contra o Ourense Envialia. Cun gol de María León practicamente sobre a bucina, o cadro de Ramiro Díaz suma xa dúas vitorias consecutivas para afastar os medos dun posible descenso.

Comezou o partido con dominio visitante, cunha boa ocasión de Zaide, que disparou raso á saída dun córner.

Aínda que pasaban os minutos e os técnicos movían ficha, o duelo estaba a ser para as de Ourense, que a pesar dos moitos intentos e ocasións eran incapaces de bater a Lucía.

E cando parecía que o partido chegaría ao descanso sen goles, no último minuto do primeiro tempo e en xogada de estratexia, Sara Moreno deixaba atrás cara a Iria Saeta para que fixese o 0-1.

Na segunda metade, o Envialia saíu en busca do segundo gol, mentres o Marín seguía sendo incapaz de crear perigo e esperaba o seu momento á contra. Foi precisamente así como chegou a primeira finalización das locais, cun disparo de Pau ao lateral da rede.

Pero cando quedaban cinco minutos para a conclusión chegou o vendabal de goles. Ceci aproveitaba a un descolocado Ourense para poñer un saque de esquina a María León, que desde a frontal facía o empate; pouco despois, Candela, a paase de Jenny Lores desde a esquerda adiantaba ao Envialia outra vez e, acto seguido, o Marín culminaba un bo ataque cun remate de Pau á escuadra co que facía o 2-2.

Estaba o partido chegando ao seu final e, nos últimos instantes, Ceci cedía a María León dentro da área e anotaba o 3-2 que lles daba a vitoria.

MARÍN FUTSAL (3): Lucía; Pau, Ale de Paz, Ceci e María León (quinteto inicial). Tamén xogaron, Bea Mateos, Lara Balseiro, Adri e Inés Mayán.

OURENSE ENVIALIA (2): Vane; Candela, Zaide, Jenny Lores e María Arias  (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara Moreno, Clara Fernández, Chiky, Marta, Cèlia Catà, Iria Saeta e Vero.

Goles: 0-1, min. 20 Iria Saeta. 1-1, min. 35 María León. 1-2, min. 37 Candela. 2-2, min. 38 Pau. 3-2, min. 40 María León.

Incidencias: A Raña. Colexiados, Ferrero Carballal e Pinilla Boullosa. Amoestaron Bea Mateos no Marín e Sara Moreno no Ourense Envialia.