O Medio Maratón de Pontevedra pecha inscricións con 1.336 atletas anotados

Pontevedra
09 de outubro 2023

A popular proba deportiva, que chega á súa XXVIII edición, celebrarase o vindeiro domingo 15 de outubro, a partir das 10.30 horas

XXVII edición do Medio Maratón de Pontevedra
XXVII edición do Medio Maratón de Pontevedra / Cristina Saiz

O peche de inscricións do XXVIII Medio Maratón de Pontevedra confirmou un ano máis a boa saúde da que goza a proba.

O popular evento deportivo, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de outubro a partir das 10.30 horas, contará este ano con 1.336 atletas.

É a cifra de anotados ao peche do prazo, aínda que pode incrementarse lixeiramente coa carreira de menores que pecha a súa inscrición o vindeiro venres día 13.

Do total de anotados, 816 deportistas participarán na distancia de medio maratón (21,1 quilómetros), no que o atleta internacional Reyes Estévez defenderá a súa coroa de 2022 e no que tamén se inscribiu o segundo clasificado do pasado ano, Anxo Castro. Tamén estará en categoría feminina a subcampioa de 2022 Ángela Rodríguez.

Pola súa banda a carreira curta de 10 quilómetros contará con 399 atletas, e na de menores anotáronse 121 corredores.