O Multiusos da Xunqueira reabrirá o vindeiro luns 1 de abril

Pontevedra
27 de marzo 2019

Os técnicos municipais teñen previsto certificar a obra este venres 29, polo que convocaron aos clubs a partir do luns para retomar o seu horario asignado de adestramento nas novas instalacións

Obras no Pavillón Multiusos da Xunqueira
Obras no Pavillón Multiusos da Xunqueira / PontevedraViva

Xa hai data para a reapertura do pavillón Multiusos da Xunqueira tras a profunda renovación á que foi sometido nos próximos meses.

Será a partir do próximo luns 1 de abril, data na que a concellería de Deportes convocou aos clubs deportivos da cidade para que retomen o horario de adestramento que lles foi asignado nas reformadas instalacións.

Os técnicos municipais teñen previsto este venres certificar a obra, requisito indispensable para a recepción por parte do Concello.

Ponse así fin a unha situación que complicaba o día a día das entidades deportivas e que acumulaba un importante atraso, tendo en conta que estaba prevista a súa apertura no principio do ano.

Desde o Concello sinalaron que esta demora foi causada polo descubrimento de pingueiras na cuberta, o que obrigou a realizar traballos de impermeabilización nunha zona que non estaba prevista.

O proxecto de renovación do Multiusos levouse a cabo cun orzamento de 1,9 millóns de euros, e supuxo entre outras cousas o cambio da cristalería nos laterais do pavillón, unha instalación nova de electricidade, fontanería, sistemas antincendios, novas caldeiras e sistema de quecemento de auga a través de placas solares.

Ademais cambiáronse as dúas pistas deportivas, mellorouse o equipamento e reformáronse os 18 vestiarios para equipos, os tres para árbitros e os almacéns.