O Multiusos da Xunqueira, terceira 'casa' no que vai de tempada para o Bádminton Ravachol

Pontevedra
25 de marzo 2021

Ante a falta de dispoñibilidade do CGTD e o Pavillón Municipal, o equipo pontevedrés desprázase ata A Xunqueira para recibir ao Bádminton Benalmádena nunha xornada importante para o seu futuro na División de Honra

Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Bádminton Rinconada Sevilla
Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o Bádminton Rinconada Sevilla / Cristina Saiz

Nova xornada na liga de División de Honra de Bádminton e nova 'casa' para o Ravachol Pontevedra, que cambia esta tempada de escenario por terceira vez para recibir ao Bádminton Benalmádena nun enfrontamento importante para o seu futuro na máxima categoría.

A falta de dispoñibilidade a próxima fin de semana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e no Pavillón Municipal, farán que a xornada se traslade ao Pavillón Multiusos da Xunqueira, a partir das 17.00 horas do sábado día 27.

"Vimos dunha dinámica moi positiva nos partidos de casa, e esperamos poder seguir sumando puntos para saír do descenso directo de maneira definitiva, aínda que isto tamén dependerá dos demais resultados da xornada. O equipo está con moitas ganas e iso vaise a notar na pista", avanza o capitán dos pontevedreses, Alejandro Nogueira.

O rival será un Benalmádena que marcha cuarto na táboa, ofrecendo un gran rendemento. Un óso duro de roer para un equipo como o Ravachol que segue arrastrando problemas de dispoñibilidade no seu plantel.

Coas viaxes desde Gran Bretaña paralizados, as fichaxes internacionais non poderán axudar ao equipo, ao que se suma unha baixa por covid. A pesar diso o Bádminton Pontevedra confía en presentar un equipo competitivo e poder pelexar polos puntos en xogo.