A predisposición do seu rival, o potente Club Bádminton Pitius de Eivissa, salvou dun gran problema o Bádminton Ravachol.
O club pontevedrés, tras a reconfiguración do calendario polo parón provocado pola pandemia, debía viaxar en plena Semana Santa ata as Illas Baleares, unha situación que a pesar das restricións supoñía un maior desembolso económico do previsto e do que podía asumir a entidade.
"A reorganización da liga despois do parón deixounos un calendario moi malo, o enfrontamento contra o Pitius, fóra da casa e en plena Semana Santa, facía que o custo de desprazarse a Eivissa fose completamente inasumible para o club. Agradecemos ao Pitius a súa comprensión e a súa vontade de buscar unha alternativa, xa que doutro xeito non poderiamos disputar esta xornada", recoñece Jesús Pereiro, director técnico do Ravachol.
Desta forma a xornada de División de Honra fronte ao Pitius, actual segundo clasificado, celebrarase finalmente o luns 26 de abril, ao chegar a un acordo as partes implicadas.
Isto supoñerá un importante esforzo físico ao Ravachol, que só dous días antes, o 24, debe recibir en Pontevedra a un rival directo pola permanencia na máxima categoría, o CB Alicante, un sacrificio obrigado para garantir algo máis importante, a súa viabilidade económica.
Antes desa dobre cita, os da Boa Vila recibirán o 17 de abril o Bádminton Arjonilla, terceiro da táboa pero con só 6 puntos máis.