O Natación Galaico adxudícase o Campionato Galego de Longa Distancia

Pontevedra
13 de decembro 2021

O club pontevedrés foi o mellor equipo da competición nas categorías sénior masculina e feminina, así como na clasificación conxunta, nun campionato autonómico que se celebrou a fin de semana en Ponteareas

Equipo do CN Galaico co trofeo conseguido no Campionato Galego de Longa Distancia

A localidade de Ponteareas foi escenario durante a fin de semana do Campionato Galego de Natación de Longa Distancia, que tivo como protagonista destacado o Galaico pontevedrés.

O club da Boa Vila encabezou a clasificación por clubs absoluta tanto en categoría masculina como a feminina, impoñéndose por tanto na clasificación conxunta para proclamarse campión autonómico por diante de CN Ferrol e o local CN Ponteareas, segundo e terceiro respectivamente.

A nivel individual destacaron os primeiros postos conseguidos por Cristian Fernández en categoría sénior e por Alicia Bouzas en júnior 1. Ademais Ana Pérez García-Picher conseguiu a medalla de prata na proba sénior feminina.

En total o Club Natación Galaico desprazou a Ponteareas a 16 deportistas que participaron nas probas de 2.000 libre infantil e 3.000 metros tanto en idade júnior como sénior.