O Natación Galaico cumpre os prognósticos e proclámase campión galego de inverno

Pontevedra
31 de decembro 2015

Impúxose na clasificación xeral de clubs dun campionato que se celebrou durante tres días no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontevedra

Equipo do Galaico que se proclamou campión galego de inverno
Equipo do Galaico que se proclamou campión galego de inverno / CN Galaico

O Club Natación Galaico foi o gran vencedor do Campionato Galego Absoluto de Inverno celebrado durante tres días no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontevedra.

A entidade local proclamouse mellor club da competición con 1.022 puntos, polos 654 do Pabellón Ourense e os 637 do Natación Ferrol.

O Galaico impúxose na categoría feminina por diante de Arteixo e Club de Mar e foi segundo na masculina, superado polo Pabellón Ourense.

O campionato desenvolveuse en piscina de 25 metros e contou coa participación de 24 clubs de toda Galicia.