O Natación Galaico ponse a ton en Póvoa de Varzim

Pontevedra
07 de febreiro 2022

O club pontevedrés participou a fin de semana no Meeting Internacional Póvoa de Varzim. disputado na localidade portuguesa, co obxectivo de preparar as súas próximas competicións

Equipo do Galaico no Meeting Internacional Póvoa de Varzim
Equipo do Galaico no Meeting Internacional Póvoa de Varzim

Ata Portugal desprazouse a fin de semana o Club Natación Galaico para participar no Meeting Internacional Póvoa de Varzim.

Foi a oportunidade para o club pontevedrés de comprobar a posta a punto dos seus deportistas para os grandes obxectivos da tempada en piscina de 50 metros, coas próximas competicións que asoman xa no calendario.

Na localidade portuguesa o Galaico presentou un equipo moi novo, composto por nadadores en idade infantil e júnior, e a pesar de tratarse dun trofeo de categoría absoluta, tivo presenza en varias finais e na pelexa de medallas.

Entre os resultados destacou o cuarto posto de Paula Fariña nos 400 estilos e os postos de finalistas de Nayara Fernández na 50 braza, de Nadia de la Fuente en 200 bolboreta e de Pablo Martín en 400 libre.

O Galaico completou a fin de semana co Campionato Galego Alevín de Inverno celebrado nas instalacións de Rías do Sur en Pontevedra, finalizando a só 42 puntos da vitoria por equipos.