O Arosa cedeu unha nova derrota como visitante este domingo no Municipal Mariano González onde se mediu a un Navalcarnero que se quitou a espiña do 1-0 da Lomba para golear por un contundente 4-1.
Adiantouse no minuto 14 o conxunto local, cun gol de Javi Ontiveros que poñía o 1-0. Tamén a tivo o goleador nunha moi clara que detivo Álex Cobo, mentres a mellor para o Arosa a tiña Luis Nuño.
Despois do paso polos vestiarios reaccionou o Arosa, anotando o empate por mediación de Javi Fontán ao rematar unha falta lateral que daba esperanzas ao conxunto arlequinado. Corría o minuto 50.
Pero a alegría durou moi pouco para os visitantes, que se atoparon aos catro minutos co gol de Gil que lle obrigaba remar ao contraxeito unha vez máis. O xogador visitante aproveitou un rexeite dunha falta desde o medio do campo que deu no traveseiro e desde dentro da área rematou ao interior da portería de Álex Cobo.
Moveu ficha Jorge Otero, dando entrada a Piay, Julio Rey e Fajardo para suplir a Ross, Porrúa e Mon, imprimindo unha marcha máis ao xogo cos cambios. Con todo, o Arosa seguiu sendo incapaz de mover o marcador.
Cando o partido estaba a chegar á conclusión puxo terra polo medio o Navalcarnero. Marcos Mendes no 88 fixo o 3-1 e, xa no desconto, sentenciou cun novo tanto co que lograba o dobrete e, con el, a goleada por 4-1.
Para o partido contra o Real Avilés da próxima xornada Jorge Otero non poderá contar con Pedro Beda e Ross por acumulación de amarelas.