O nomeamento de Silvia como unha das mellores gardametas do mundo, un "orgullo" para o Poio Pescamar

Poio
12 de decembro 2018

Por segunda vez na súa carreira deportiva a pontevedresa Silvia Aguete atópase entre a lista de 10 gardametas nomeadas nos Umbro Futsal Awards

Silvia Aguete, no partido entre Poio Pescamar e Majadahonda FSF
Silvia Aguete, no partido entre Poio Pescamar e Majadahonda FSF / Diego Torrado

Silvia Aguete leva tempadas instalada na elite do fútbol sala, sendo unha peza básica do Poio Pescamar na máxima categoría e unha fixa nas convocatorias da Selección Española.

Agora o seu traballo viuse recompensado cun nomeamento aos Umbro Futsal Awards.

A gardameta do Poio Pescamar foi nomeada por segunda vez na súa carreira deportiva como unha das 10 mellores xogadoras do mundo no seu posto.

Este recoñecemento, aseguran desde a entidade vermella, supón "todo un orgullo para o noso club".

Xunto a Silvia Aguete optan a este premio a súa compañeira na Selección Española, Ana Etayo, ademais de Ana Catarina Silva (Portugal), Anastasia Ivanova (Rusia), Ayaka Yamamoto (Japón), Bianca Castagnaro (Brasil), Farzaneh Tavasoli (Irán), Jhennifer De Oliveira (Brasil), María Antonio Mascia (Italia) e Pannipa Kalomrat (Tailandia).