O novo horizonte portugués do Supermercados Froiz

Pontevedra
27 de xaneiro 2016

"Ante a falta de probas aquí debemos buscar novos horizontes e Portugal ofréceos", recoñece Evaristo Portela tras reforzar al equipo con dous ciclistas lusos 

Presentación do equipo do Super Froiz para a tempada 2015
Presentación do equipo do Super Froiz para a tempada 2015 / Mónica Patxot

Aínda non empezou oficialmente a tempada nacional elite e sub-23 e os ciclistas afánanse aínda en coller a forma, pero o Grupo Deportivo Supermercados Froiz xa ten definido as grandes liñas do seu calendario competitivo para 2016, no que Portugal gañará protagonismo.

"Ante a falta de probas aquí debemos buscar novos horizontes e Portugal ofréceos", recoñece o director do equipo ciclista, Evaristo Portela, tras incorporar a dous corredores lusos que terán un peso considerable nos plans da escuadra.

Ademais "o noso patrocinador principal ten intereses comerciais nese país e para nós é importante", explica Portela.

Trátase de João Carlos Araújo, un ciclista rápido e chegador, e Renato Macedo, escalador e chamado a ser un dos homes fortes do Froiz. O primeiro deles procede dun equipo profesional, o Quinta da Lixa no que militaron nos últimos anos galegos como Gustavo César Veloso ou Álex Marque, mentres Renato militou a pasada campaña no Anicolor.

Precisamente Araújo estreou a tempada a pasada fin de semana conseguindo a primeira medalla do ano para o Froiz, un bronce no Campionato de Portugal de Ciclismo en Pista, na proba de persecución individual.

Pola súa banda, outro dos pesos pesados da escuadra pontevedresa, José Luis Mariño, estará concentrado en México ata o mes de abril, onde ten previsto competir con profesionais, desprazándose tamén a Estados Unidos e Chile. "É unha boa ocasión porque poderá facer un traballo importante en altitude", sinala o seu director.