O Open Galicia de BTT volve a Poio catro anos despois

Poio
03 de abril 2017

Samieira acollerá o vindeiro sábado 8 de abril o IX BTT Concello de Poio de Cros Country Olímpico tras a exitosa experiencia como sede o pasado ano do Campionato Galego da especialidade

Presentación do IX BTT Concello de Poio de XCO
Presentación do IX BTT Concello de Poio de XCO / PontevedraViva

Despois da satisfactoria experiencia acollendo o Campionato Galego en 2016, Samieira prepárase para recibir catro anos despois unha proba do Open Galicia de Cros Country Olímpico.

O IX BTT Concello de Poio do próximo sábado 8 de abril será a segunda proba puntuable do Open, no que participan os mellores espcialistas galegos da disciplina.

A previsión é contar con preto de 150 ciclistas nas categorías cadete, junior, sub-23, elite e master masculina e feminina.

Ás 16:30 horas será a quenda de cadetes, junior e master, mentres ás 18:00 horas darase a saída á competición elite e sub-23 desde a Casa do Pobo de Samieira, na parte alta do campo de fútbol, que será punto de saída e final da carreira. Desde alí os participantes afrontarán un circuíto de "moi valorado polos bikers galegos, moi técnico", recoñeceu o presidente do Club Ciclismo Tríatlon Poio, Carlos Sánchez, na presentación do evento xunto á concelleira de Deportes, Marga Caldas.

O circuíto conta con 7 quilómetros de percorrido, tendo que completar na primeira carreira tres voltas ao mesmo e na proba absoluta cinco, ata facer a cifra de 35 quilómetros en total.

As inscricións, só para deportistas federados, poden formalizarse ata o xoves día 6 de abril na web da Federación Galega de Ciclismo.