O Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán notificou este venres o aprazamento do partido que debían xogar o sábado (18.30 horas) o Trapagaran e a Sociedad Deportiva Teucro.
Segundo confirmou o club pontevedrés tras recibir a notificación oficial, esta decisión débese a "motivos de covid no equipo local".
Os azuis debían desprazarse esta fin de semana ao País Vasco para afrontar un duelo crave na loita pola permanencia, despois de sumar 1 punto de 6 posibles nos seus tres primeiros partidos da segunda fase. A pesar diso os de Irene Vilaboa mantéñense fóra das prazas de descenso a Primeira Nacional pero só un punto de vantaxe (11 ten o Teucro polos 10 de Ikasa Madrid e Sarrià e os 9 de Lalín e Sant Martí).
Tratábase dun duelo de dificultade para os pontevedreses, e é que o conxunto biscaíño comezou a segunda fase con 0 puntos pero chegaba á cita tras sumar tres triunfos consecutivos, ante Sant Martí, Bordils e Lalín.
Tras a suspensión e a falta de coñecer a nova data para o choque, o Teucro mira xa á seguinte xornada, na que recibirá no Municipal a un dos seus principais perseguidores, o Ikasa Madrid.