O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota

Pontevedra
15 de febreiro 2016

Dous meses estará pechado o Pavillón Municipal. Ao remate da actual tempada deportiva, serán os obreiros os que tomen o relevo dos centos de persoas que, semanalmente, utilizan esta instalación. É o tempo no que se estima que estarán finalizados os traballos para a renovación da súa cuberta, traballos nos que o Concello de Pontevedra investirá preto de 700.000 euros

Pavillón Municipal dos Deportes
Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

Dous meses estará pechado o Pavillón Municipal. Ao remate da actual tempada deportiva, serán os obreiros os que tomen o relevo dos centos de persoas que, semanalmente, utilizan esta instalación. É o tempo no que se estima que estarán finalizados os traballos para a renovación da súa cuberta, traballos nos que o Concello de Pontevedra investirá preto de 700.000 euros.

Este proxecto permitirá recuperar a cuberta orixinal do pavillón, deseñada polo arquitecto Alejandro de la Sota, que nos anos 80 sufriu unha transformación profunda substituíndo o seu tellado plano polos actuais paneis tipo sándwich e colocando lucernarios no seu lateral.

Este sistema, ademais de alterar o proxecto orixinal, segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, impide acceder a determinadas xuntas que unen a cuberta cos muros do pavillón, o que nos últimos anos provocou a aparición de pingueiras e doutros problemas estruturais que se prevén corrixir con esta actuación.

O contrato sairá a licitación por 690.792,47 euros e as obras terán un prazo de execución de dous meses. A ese período haberá que sumar o tempo que se tarde na construción da nova cuberta -duns 2.500 metros cadrados- que será transportada á cidade xa terminada e colocada posteriormente durante as obras.

Ao mesmo tempo, nas melloras que se inclúen no contrato para que sexan ofertadas polas empresas licitantes, espérase poder realizar o pintado das cerchas da estrutura do inmoble e a renovación de toda a iluminación da pista con LED; proxectos valorados en 65.000 e 50.000 euros respectivamente.

As obras realizaranse no verán para causar a menor incidencia posible nos clubs deportivos e particulares que usan as súas instalacións e, ademais, porque estes traballos implicarán que durante un tempo a pista do pavillón quede sen cuberta, polo que é mellor afrontalos cando haxa menos posibilidades de precipitacións.