O Peixe estrélase contra a defensa do Juaristi ISB (60-79)

Marín
26 de xaneiro 2019

Pese ao resultado, os de Javi Llorente mantense entre os seis primeiros da clasificación de cara á segunda fase da liga co obxectivo de chegar aos play-off

Partido entre o Marín Peixe Galego e o Juaristi ISB
Partido entre o Marín Peixe Galego e o Juaristi ISB / Diego Torrado

A falta de tres partidos para o final da primeira fase de liga, o Peixe Galego chegou á décima novena xornada dentro das primeiras seis posiciones da táboa, algo que o beneficia de cara á segunda parte da tempada. Nesta ocasión, os pontevedreses enfrontáronse, nun choque directo pola permanencia en postos de play-off, ao Juaristi ISB, que, pola súa banda, visitou A Raña na mesma situación que os seus rivais (10 vitorias e 8 derrotas).

A pesar de contar co apoio da súa afección, os de Llorente non foron quen de facerlle fronte ao bo xogo vasco, desaproveitando, así, a posibilidade de sumar os dous necesarios puntos.

Desde o comezo, o choque estivo controlado polos visitantes. Mostra diso é que durante os 40 minutos de xogo mantivéronse superiores no marcador. Xa no primeiro cuarto, estes gañaron unha vantaxe de ata dez puntos, que, finalmente os pontevedreses conseguiron reducir a seis (19-24).

Nos 10 minutos seguintes, o Peixe sobrepúxose á situación e creou esperanzas de desquite na bancada, chegando, mesmo, a empatar en varias ocasións. Pero aí quedou, estrelándose ante a defensa dos guipuscoanos (37-44).

A dinámica do segundo parcial repetiuse no terceiro. Os de Javi Llorente mantiveron o tipo conseguindo que a balanza puidese inclinarse, en calquera momento, cara ao seu bando. Con todo, varios erros en momentos clave condenábanos á irremediable desvantaxe.

Finalmente, despois de moitos esforzos, os de casa tiraron a toalla nos últimos 10 minutos, facendo un desastroso parcial final de 4-20, que sentenciou o partido (60-79).

Consulta as estatísticas do Peixe Galego-Juaristi ISB.