O Peixe Galego confirma que será de LEB Ouro ao reunir o aval e pagar a inscrición

Marín
30 de xuño 2016

A directiva marinense confirma mediante un comunicado que "decidiu solicitar coas garantías persoais dos que a compoñen o aval para presentar e cos recursos do club pagar a inscrición" ante a demanda de clubs que, sen dereito deportivo, aspiraban a ocupar unha das 16 prazas de LEB Ouro

Ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro
Ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro / Diego Torrado

Marín poderá gozar da LEB Ouro. Así o confirmou o Peixe Galego a través dun comunicado, no que sinala que reuniu o aval (180.000 euros) e pagará a inscrición (36.000 euros) para participar na segunda categoría do baloncesto nacional, dereito que gañou na cancha cun histórico ascenso.

Con todo é a directiva a que decidiu asumir riscos ao "solicitar coas garantías persoais dos que a compoñen o aval para presentar e cos recursos do club pagar a inscrición", tendo en conta que aínda non conseguiron reunir todos os apoios necesarios.

Unha forte aposta que esperan ver referendada, recuperando ese diñeiro, coas campañas postas en marcha para a obtención de recursos económicos, é dicir, a campaña de abonados, a de socios e a de establecementos protectores.

"Sabemos que os afeccionados traballarán este verán ata setembro para que estas campañas poidan cubrir os custos dunha liga tan atractiva e esixente", sinalan desde o club marinense.

Tras destacar a posibilidade dun acordo de vinculación co Obradoiro, que evitaría ter que depositar o aval, o Peixe Galego decidiuse por esta vía "ante a gran demanda de clubs que, aínda sen dereitos deportivos, queren cubrir unha das 16 prazas" de LEB Ouro.