O Peixe Galego gaña en Plasencia e ascende ao segundo posto (65-69)

Marín
13 de decembro 2018

O conxunto marinense sobrepúxose a unha rotación curta e segue en dinámica positiva tras lograr dobregar o Extremadura Plasencia, na que supuxo a súa terceira vitoria consecutiva, a oitava da tempada. Os de Javi Llorente son o equipo máis en forma da Conferencia Oeste na Liga LEB Prata

Orellano, no partido entre o Marín Peixe Galego e o Navarra Diego Torrado

Nin unha curta rotación, con só 8 xogadores dispoñibles, conseguiu frear este mércores a un Peixe Galego en plena xeira positiva.

Os de Marín lograron na cancha do Extremadura Plasencia a súa terceira vitoria consecutiva (65-69), oitava da tempada, e ascenden ao segundo posto da Conferencia Oeste da LEB Prata, sendo o equipo máis en forma do grupo.

O Peixe levou a  inicitiva do duelo desde o primeiro parcial, pese que concluíse cun apertado 19-20, e cun bo traballo defensivo aínda que sen lograr abrir unha importante renda foron avanzando ata o 31-38 co que se chegaba ao descanso.

A tónica mantívose no terceiro parcial, co cadro marinense moi concentrado na parcela defensiva e aproveitando a solvencia dun ataque que repartiu  resposanbilidades, tanto que ata 4 homes chegaron a dobres díxitos, como Gregory (15), Vashil Fernández (14), Jorge Romero (17) e Sevillano (12), con Juanchi Orellano nos 9 puntos.

Así o Peixe deixaba encarrilado o duelo antes dos 10 minutos finais (42-55), ou polo menos iso parecía, porque o Plasencia espertou e protagonizou unha gran remontada para mesmo tomar a dianteira a falta de dous minutos (65-64). Faltaba o último esforzo dos de Marín, que da man de Gregory volveu poñerse por diante para sentenciar o partido.

Un triunfo que vale o seu peso en ouro e que os de Javi Llorente esperan referendar o vindeiro domingo en casa na visita do filial do Baskonia.

Consulta as estatísticas do CB Extremadura Plasencia-Marín Peixe Galego.