O Peixe segue pelexando polo máis alto da táboa tras a vitoria ante o Baskonia (73-63)

Marín
16 de decembro 2018

Despois do choque deste sábado, os de Javi Llorente posiciónanse cuartos empatados a puntos cos tres primeiros ata a próxima xornada

O Peixe no partido ante o Baskonia na Raña
O Peixe no partido ante o Baskonia na Raña / Diego Torrado

Chegou o Baskonia esta fin de semana á Raña co obxectivo de mellorar a súa situación actual en LEB Prata (décimo con 18 puntos). E tentouno desde o primeiro minuto. Con todo, o Peixe Galego defendeu, unha vez máis, a súa valía e levou dous puntos máis, que o manteñen, outra semana, pelexando polo máis alto da táboa.

Empezou frouxo o Peixe, algo que lle obrigou a afrontar os primeiros minutos por detrás no marcador. Con todo, deseguido logrou meterse no partido e ir recortando distancias, ata chegar a posuír o control do xogo e coller vantaxe respecto aos de Vitoria. Co termo do primeiro cuarto, os marinenses xa gañaban por unha diferenza de 6 puntos (19-13).

Durante os 10 minutos seguintes, varias perdas de balón por parte dos visitantes, que aproveitaron os de Javi Llorente, axudaron aos locais a manterse superiores ata a chegada do descanso. Desta maneira, e destacando as accións de Gregory (10 puntos na primeira metade) e  Badmus (8), os pontevedreses fóronse aos vestiarios cun 39-26 no peto.

Durante o segundo tempo, a dinámica non foi distinta. Os locais continuaron dominando o partido, mentres que os vascos tentaban, aos poucos, equilibrar o resultado. Pero os intentos foron inútiles para o Baskonia, que, aínda tirando de orgullo, non conseguiu sobrepoñerse aos do Peixe.

Finalmente, este último levou o partido cunha diferenza de 10 puntos (73-63). Cabe destacar a figura de Raieste no bando alavés, que anotou case o 40% do total de puntos visitantes (24 dos 63).

Consulta a acta do Peixe Galego-Baskonia.