O Peixe comeza o ano con mal pé ante o Ávila (68-48)

Marín
04 de xaneiro 2019

Complícaselles, así, aos marinenses a loita polos postos de play-off ao non conseguir manter a boa dinámica

O Peixe no partido ante o Cantabria
O Peixe no partido ante o Cantabria / Diego Torrado

O  Peixe Galego deu este venres os primeiro tropezón do ano no Carlos Sastre de Ávila. Aínda que, de primeiras, parecía un partido bastante asequible para os de Javi Llorente (ante un dos equipos da parte baixa de táboa), estes non foron quen de prolongar a súa boa dinámica. A pesar de que seguen na loita polos postos de play-off, son, sobre todo, este tipo de partidos os que non se lles deben escapar a quen queiran optar a eles.

Empezaron fortes os abulenses, adquirindo rapidamente distancia no marcador. Con todo, os visitantes non tardarían en recortar a diferenza e igualar o resultado ao termo do primeiro cuarto (14-14). Foi a partir do segundo, cando os locais souberon impoñerse de novo e colocarse por diante (feito que non cambiaría xa durante o resto do duelo).

Tras o descanso (28-21), aínda cunha notoria melloría do cadro pontevedrés, capaz de realizar un parcial esperanzador de fronte ao tramo definitivo do encontro, un último cuarto demoledor por parte dos de casa fixo que se esfumase calquera mínima posibilidade de levar os dous puntos. Finalizou o choque, desta forma, cun resultado máis que duro para os galegos (68-48).

Consulta as estatísticas do Ávila-Peixe Galego.