O Peixe volve vencer ao CB Tormes e consolídase nos postos de play-off (88-74)

Marín
13 de xaneiro 2019

Tras a vitoria ante os salmantinos, os de Javi Llorente posiciónanse cuartos, empatados a puntos co Cantabria e o Aquimisa, á espera de continuar ascendendo na clasificación

Orellano, no partido entre o Marín Peixe Galego e o Navarra
Orellano, no partido entre o Marín Peixe Galego e o Navarra / Diego Torrado

O  Peixe Galego enfrontouse este domingo ao colista de LEB Prata, o CB Tormes, que, despois de 16 xornadas aínda non logrou ningunha vitoria fóra da casa. Por este motivo, chegou á Raña coa intención de levar a necesaria vitoria para desanclarse da última posición. Pola súa banda, os marinenses, tras a última derrota ante o Ávila, continuaban co obxectivo de consolidarse nos ansiados postos de play-off.

Comezou forte o cadro local, que a escasos dous minutos de xogo xa contaba cunha vantaxe de 7 puntos no marcador (todos eles de Badmus). Con todo, os salmantinos foron meténdose cada vez máis no partido, ata chegar a facer un primeiro parcial de 23-17. A pesar de ir por detrás durante toda a primeira metade, estes conseguiron poñerse moi preto no electrónico en varias ocasións, facendo que a igualdade fose máxima. Finalmente, os de Javi Llorente fóronse ao descanso cunha vitoria provisional (40-33), pero coa sensación de que calquera cousa podería pasar.

A segunda parte foi outro cantar. Durante o primeiros dez minutos, os galegos gañaron distancia, a suficiente como para manterse nunha cómoda superioridade que frustaría as posibilidades de desquite dos visitantes. E así foi. A pesar dos claros intentos do CB Tormes, un último parcial impecable do Peixe fixo que os dous puntos quedasen na casa (88-74).

Así, os locais repiten a vitoria da primeira volta no Pavillón Municipal Würzburg e ascenden ata a cuarta posición (empatados a puntos co Cantabria e o Aquimisa) volvendo formar parte do máis alto da táboa.

Consulta as estatísticas do Peixe Galego-CB Tormes.