O Peixe Galego inicia os trámites para xogar en LEB Ouro

Marín
30 de xuño 2019

O club pontevedrés confirma a preinscripción para xogar na categoría de ouro española e adapta o seu orzamento para esta tempada

Afección do Peixe celebrando o ascenso a LEB Ouro
Afección do Peixe celebrando o ascenso a LEB Ouro / Diego Torrado

O Peixe Galego deixa todo pechado dentro do prazo. Tendo o 30 de xuño como límite para renunciar ou aceptar a praza en LEB Ouro despois do ascenso, a directiva do club reuniuse este domingo en asemblea para formalizar a situación.

O máis complicado era conseguir o aval de 150.000 euros, os 36.000 da cota de inscrición e 40.000 de arbitraxes. "Agora, toca preparar e presentar o aval xunto co diñeiro da inscrición, e todo listo", explica Toño Casal, directivo da escuadra marinesa.

En canto á situación económica do Peixe unha vez realizado o pago, Casal asegura que "todo parece indicar que nos dan os números. Se non ocorre nada excepcional, todo seguirá adiante". Ademais, engadiu que "imos axustar o orzamento, adaptalo para que sexa similar ao de LEB Prata", no referente á configuración da plantilla persoal para facer fronte ao novo reto.

Durante esta semana, a directiva terminará de poñer todos os pagos e a papelada en orde, tendo ata o próximo 5 de xullo para deixar todo pechado. Despois da espera, o Peixe Galego xogará, definitivamente, na segunda categoría española.