O Peixe Galego reforza o plantel tras o seu bo inicio na Liga EBA

Marín
20 de outubro 2017

O club marinense, que sumou dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas da competición, reforzouse coa contratación do ala-pívot estadounidense Tre Hale-Edmerson confirmando que vai con todo a polo ascenso para recuperar canto antes o seu posto en LEB Prata

Javi Llorente, durante un partido do Peixe Galego
Javi Llorente, durante un partido do Peixe Galego / Cristina Saiz

Pese ao pouco tempo que tivo para conformar o seu plantel, o Peixe Galego arrincou con forza a súa andaina na Liga EBA de baloncesto.

Os de Marín, que están dispostos a recuperar pola vía rápida a praza que merecen na LEB Prata, sumaron senllas vitorias a domicilio ante Gijón e Betanzos nas dúas primeiras xornadas da competición, pero non se conforman.

Así o demostran ao reforzar o equipo cunha nova incorporación, a do ala-pívot estadounidense Tre Hale-Edmerson, segundo anunciou este venres.

O xogador, que completou a súa formación universitaria na Big West da NCAA na Universidade Estatal de California Northridge, chega a Marín tras vivir o pasado ano a súa primeira experiencia europea nas filas do Citybasket Recklinhausen da Pro B alemá e no Unión Neuchatel suízo.

Tre Ale-Edmerson, con 2,06 metros de altura e 96 quilos de peso, chega segundo o club para ser un xogador importante nos esquemas de Javi Llorente.

A andaina do Peixe Galego na Liga EBA vivirá un novo capítulo o vindeiro domingo 22 de outubro na pista do CB León.