O Peixe Galego só aguanta un cuarto ante o Lleida (62-85)

Marín
30 de novembro 2016

O equipo marinense, que comezou o partido con intensidade, foi perdendo fol co paso dos minutos e viuse superado claramente polo equipo catalán sen que se atisbase posibilidade de reacción. Sen tempo para a mentaciones, o Peixe pensa xa na complicada saída que debe afrontar o venres, á cancha do Breogán

Andrés Miso no partido entre Peixe Galego e Força Lleida na Raña
Andrés Miso no partido entre Peixe Galego e Força Lleida na Raña / Diego Torrado

Segunda derrota consecutiva do Peixe Galego na LEB Ouro e segundo partido que caen con claridade ante o potencial do seu rival, neste caso o Força Lleida (62-85).

A saída dos de Marín ao pavillón da Raña non facía pensar nun triunfo tan cómodo dos visitantes, xa que o Peixe dominou os primeiros instantes con intensidade e acerto para conseguir unha renda de ata 5 puntos, pero conforme pasaban os minutos esa forza foi diminuíndo.

O primeiro parcial concluíu cunha mínima vantaxe catalá (18-19), e desde ese momento o partido cambiou de cor, cun equipo local que a pesar de tentalo non acertaba ante o aro rival.

As porcentaxes de tiro baixaron (o Peixe asinou un 35% de acerto en tiros de campo por un 56% do seu rival) ao mesmo tempo que o Lleida despegaba en ataque, o que se traduciu nunha importante renda ao seu favor ao descanso (30-48).

Desde ese momento, ante un equipo marinense abatido, os visitantes controlaron o marcador e abortaron calquera intento de reacción local facendo valer o seu maior potencial e levando un merecido triunfo da Raña.

Sen tempo para lamentacións, os de Javi Llorente pensan xa na difícil saída que afrontarán este próximo venres, á cancha do Breogán de Lugo.

Consulta aquí as estatísticas do Peixe Galego-Força Lleida.