O Peixe Galego solicita á FEB a súa praza en LEB Ouro e non se esquece da Liga Feminina 2

Marín
08 de xullo 2020

O club marinense dá un paso á fronte na súa intención de volver competir na segunda categoría nacional "á espera de concretar os apoios necesarios para definir o proxecto", sinalan desde a entidade

Partido entre Peixe Galego e Huesca na Raña
Partido entre Peixe Galego e Huesca na Raña / Diego Torrado

Paso á fronte do Marín Peixe Galego no seu obxectivo de saír por terceira tempada na súa historia na Liga LEB Ouro, categoría na que competiu o último curso ata a suspensión provocada polo coronavirus.

Pese ao obstáculo que supuxo a ratificación por parte da Federación Española de Baloncesto (FEB) duns importantes requisitos económicos a modo de inscrición e aval, o club marinense quere manterse na segunda categoría do baloncesto masculino nacional.

Tanto é así que este mércores 8 de xullo o Peixe solicitou formalmente a súa praza en LEB Ouro, adiantándose así ao prazo máximo establecido nas bases de competición e que sinala como data tope o 17 de xullo para depositar o aval de 150.000 euros requirido así como a inscrición de 36.000 euros.

A directiva do club marinense decidiu lanzarse "á espera de concretar os apoios necesarios para definir o proxecto", segundo confirmou o club.

Ademais o Peixe Galego non renuncia á posibilidade de competir cun equipo na Liga Feminina 2, categoría na que un principio quedou como reserva dentro do proceso de ampliación e na que os da Raña pediron de novo poder estar a partir do próximo curso.