O pichichi Borja Iglesias, toda unha ameaza para o Pontevedra

Pontevedra
31 de xaneiro 2017

O dianteiro do Celta B, máximo goleador da categoría con 16 tantos, marcou ante os granates as dúas últimas veces que se enfrontaron na liga, o pasado ano en Pasarón e esta tempada na derrota pola mínima en Barreiro. Kevin Presa perderase o partido ante o filial vigués por sanción

Borja Iglesias persegue a Kevin Presa, que será baixa por sanción
Borja Iglesias persegue a Kevin Presa, que será baixa por sanción

O Pontevedra prepara xa o importante duelo do próximo domingo (17:00 horas) en Pasarón, que lle enfrontará a un Celta B que lle avantaxa en cinco puntos na clasificación, na que ocupa o terceiro lugar.

Será un duelo de esixencia para os granates, que queren deixar atrás tres xornadas sen coñecer a vitoria pero que deberán superar a un filial que aspira a todo esta tempada e que conta cun dos futbolistas máis determinantes da categoría, o dianteiro Borja Iglesias.

Entre Borja Iglesias e Hicham suman 25 goles, máis que 8 equipos da categoría

O ariete compostelán vive a súa mellor tempada desde que está no filial celeste e acumula 16 goles en liga esta tempada, o que lle converte no máximo realizador de toda a Segunda B. Ademais viu porta nas súas dous últimos enfrontamentos oficiais ante o Pontevedra, a pasada campaña en Pasarón (1-2) e no choque da primeira volta a presente tempada, no que os granates caeron por 1-0 no Municipal de Barreiro.

Ademais de Borja Iglesias, o Celta B está a atopar un gran complemento en ataque con Hicham, dianteiro que chegou no verán procedente do Almería e que leva anotados 9 tantos esta tempada. Entre estes dous futbolistas acumulan 25 dianas en liga, unha cifra total á que nin sequera chegaron ata o momento 8 equipos do Grupo I.

Trátase por tanto dunha seria ameaza para os de Luisito, que desde este luns preparan o choque, no que unha das claves será manter o bo nivel defensivo ofrecido nas últimas citas e a outra tentar recuperar o olfacto goleador despois de tres partidos sen ver porta.

Coinciden eses partidos coa ausencia por lesión de Mario Barco, que suma 10 goles en liga, e ao que está a custar substituír. Con todo no club confían que esa seca termine tendo en conta que o equipo gozou de ocasións para anotar neses tres partidos, ante Mutilvera, Racing e Palencia.

A principal ausencia o vindeiro domingo en Pasarón será a de Kevin Presa, que viu na Nueva Balastera o seu quinto cartón amarelo e cumprirá un partido de sanción, circunstancia que aproveitará para tentar deixar atrás os problemas no pé esquerdo cos que concluíu o último partido de liga.