O piragüismo pontevedrés busca o seu último baño de ouro da tempada no mundial de Hungría

Pontevedra
31 de agosto 2022

Antía e Martín Jácome, Noel e Diego Domínguez, Carolina García, Manuel Fontán e David Barreiro parten con opcións de medalla no campionato do mundo sprint júnior e sub 23 que se disputa esta fin de semana na cidade húngara de Szeged

Noel Domínguez no Europeo Júnior e Sub-23 en Poznan Federación Galega de Piragüismo

A tempada 2022 no piragüismo toca ao seu fin. O campionato do mundo júnior e sub 23 que esta semana se celebra na cidade húngara de Szeged poñerá o broche de ouro a unha campaña chea de éxitos para os padeeiros pontevedreses, que tratarán de ampliar aínda máis o seu palmarés e seguir cargándose de motivos para encarar o próximo ano, no que estará en xogo os pases para París 2024, coa confianza disparada.

A competición arranca este mesmo mércores coa cememonia de inauguración e as primeiras series clasificatorias.

Os xuvenís Iago García e Mauro Domínguez (Piragüismo Verducido) foron os primeiros representantes da armada galega en remar, fixérono á primeira hora da mañá no K4-500 xunto ao asturiano Rubén García e o sevillano Carlos Ruiz. Acabaron como primeiros da súa serie e segundos no cómputo xeral.

Ademais, Domínguez competirá tamén este xoves, xunto a Carlos Ruiz no K2-500. 

Unha das parellas máis en forma do panorama nacional e internacional, os irmáns Noel e Diego Domínguez, está inscrita nas modalidades do C2-1000 e C2-500. No 'heat' da carreira curta, os irmáns sub 23 acabaron segundos na súa serie, pero cuartos no cómputo xeral. Así mesmo, o maior da saga, Noel, participará tamén no C1-500.

Outra pontevedresa que xa debutou nesta cita mundial é Claudia Couto. Xunto á súa compañeira sevillana Julia Espinosa, a padeeira sub 23 do EP Ciudad de Pontevedra nunca chegou a sentirse cómoda na sesión clasificatoria e acabaron quintas na súa serie, só por diante doutras dúas embarcacións, a checa e a estadunidense, que abandonou. Aínda así, Couto terá unha segunda oportunidade na modalidade de C1-500.

Outro barco que parte con opcións de medalla é o K4-500 sub 23 do que forma parte a pontevedresa Carolina García. Xunto ás súas compañeiras Lara Feijoo, Bárbara Pardo e Aida Bouza completaron a súa primeira serie en terceira posición, cuartas no cómputo xeral. García completará a súa participación no K2-500 con Bárbara Pardo como parella.

A xuvenil do Piragüismo Poio, Valeria Oliveira, debutará na cita mundial este xoves coa súa participación no C1-500 e no C1-200.

As primeiras finais comezarán a disputarse o venres. Xornada nas que iniciarán o seu concurso Manuel Fontán no C1-500 e Antía Jácome, actual campioa de Europa en categoría absoluta, no C1-200. 

Na xornada do sábado loitará por un posto no podio o C4-500 sub 23 que traballa a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e que forman David Barreiro, Manuel Fontán, Martín Jácome e o sevillano Cayetano García.

Alba Rodríguez, xuvenil do Piragüismo Poio, participará tamén na proba do C4-500, mentres que o último en entrar en liza será Joaquín Iglesias, do Piragüismo Verducido, que o fará na final do K1 sub 23 prevista para as 14 horas do domingo.