Despois de tres xornadas de emoción, o L Campionato España Sprint de piragüismo en augas tranquilas chegou ao seu fin este domingo no complexo deportivo David Cal Pontillón do Castro en Verducido.
Fíxoo ademais con protagonismo pontevedrés, con ata catro clubs da provincia no Top-10 da clasificación xeral por equipos e coa EP Ciudad de Pontevedra como vencedor da categoría feminina.
O Kayak Tudense terminou terceiro na xeral de clubs por detrás do Piragüismo Aranjuez e Club Náutico Sevilla, mentres que o Breogán do Grove pechou o campionato en sexta posición, o Naval de Pontevedra sétimo e o Club As Torres Romaría Vikinga foi oitavo.
Galicia dominou ademais no medalleiro da competición con 112 medallas, co Breogán con segundo club con máis preseas, con 15 (10 de ouro, 3 de prata, 2 de bronce), ou o Náutico O Muíño quinto grazas a 8 medallas de ouro.
Pecharon o campionato nacional este domingo as probas de 200 metros, onde destacou o ouro de Teresa Portela no kaiak ou do pontevedrés Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) no C-1. Tamén en canoa pero en idade xuvenil impuxéronse Manuel Fontán e María Pérez (Náutico O Muiño).
Ademais nas embarcacións dobres Adrián Sieiro fixo dobrete xunto a David Maquieira e tamén venceron Jennifer Casal con Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra).
No encoro pontevedrés déronse cita ata 679 deportistas de 85 clubs nacionais nas categorías xuvenil e senior.