A Federación Galega de Piragüismo deberá volver instalar na pista do Pontillón do Castro o kiosko que o Club Piragüismo Verducido usaba como almacén e bar.
Así o decretou o Xulgado de Primeira Instancia Número 2 de Pontevedra, despois da demanda interposta polo club cara ao organismo federativo, responsable das instalacións ao contar cun convenio de cesión por parte da Secretaría Xeral para o Deporte e que decidiu hai un ano retirar a caseta.
"Nos pareció un atropello y a nosotros nos hundió", sinalou tras coñecer a sentenza o presidente do Piragüismo Verducido, Luís Rivas, xa que a recadación do bar en días de competición servía para custear o desprazamento dos seus deportistas aos diferentes campionatos nacionais.
A Federación Galega defendeu no xulgado o seu dereito para retirar a instalación entendendo que, pese ao consentimento nos últimos anos para contar co kiosko, o Verducido non contaba con dereito posesorio. Agora conta cun prazo de 20 días, a contar desde o pasado 26 de setembro, para presentar un recurso contra esta sentenza.
O Xulgado impón ademais o pago das costas procesuais á Federación Galega de Piragüismo.